Friday 03 de May de 2024

O Concello de Ordes construirá novas beirarrúas no polígono industrial de Merelle


 

Esta mañá recibiu da Xunta de Galicia a resolución do proxecto por valor de 93.400 € para sufragar o proxecto que, en total, ascende a máis de 116.000 €

O Concello de Ordes vén de recibir hoxe a resolución do proxecto de mellora do polígono industrial de Merelle por un valor de 93.400 €, achega ofrecida pola Consellería de Economía, Emprego e Industria. Deste xeito sufragarase unha gran parte do gasto proxectado para impulsar as infraestruturas, o cal ascende a 116.750 €.
Con isto posibilitarase a construción de 990 metros lineais de beirarrúas con bordo de formigón e a colocación da tubaxe para sistema de iluminación pública entre outras medidas. De maneira previa procederase coa demolición, nivelación e compactación do terreo existente a día de hoxe. En total a actuación contémplase sobre unha superficie de máis de 2.850 metros cadrados nos que se reporán as beirarrúas existentes debido ao seu deficiente estado de conservación, ademais de ampliar o ancho actual en 2,30 metros.
En conxunto a Xunta de Galicia outorgará 5,34 millóns de euros en proxectos para mellorar os parques empresariais de 51 municipios de Galicia, tendo prioridade os denominados Concellos Emprendedores (32).
Do total de proxectos aprobados, a maioría (38) teñen como obxectivo mellorar as infraestruturas viarias, aínda que tamén se instalarán sistemas de seguridade e vixilancia (6), ademais de plantas de depuración de auga, xestión de residuos e colectores con vertedura á depuradora municipal (8). Tamén se levarán a cabo instalacións contraincendios e contra roubo de cable (5).